Das tres Beiras portuguesas, no centro do país, a Beira alta ten en Viseu un símbolo; a Beira litoral no mar e da Beira Baixa destaco Castelo Branco. Hai moitos topónimos "castelo" na raia con España: Castelo Rodrigo, Castelo Bon, Castelo Mendo; no norte, Viana do Castelo, e non son todos.
Castelo Branco e unha pequena cidade, poderíase dicir unha vila, no sur da Beira Baixa, non lonxe da fronteira con España. Di Sant'Anna Dionísio que Alexandre Herculano, en 1854, ao regresar da súa viaxe de traballo pola Beira, rexistrou no seu xornal esta impresión da atmósfera da cidade: Ceo puro. Horizontes ben distintos. A Beira Baixa, ollándoa, parece un plano onde se eleva ao centro o monte de Castelo Branco, en cuxa pendente oriental se refuxia a cidade. Este plano parece pechado semicircularmente de sudoeste a norte polo prolongamento da serra da Estrela a Abrantes; ao sul e sureste polas serras do Alto Alemtejo e ao nascente polas alturas que corren para o sul desde o elevado punto de Monsanto.
A cidade conta cun museo, fermosos xardíns, un pazo episcopal e a parte vella. Singular é o Arco do Pelame, na Praza de Luís de Camôes, centro da vida antaño, onde se levantan os edificios dos antigos Paços do Concelho, característicos do século XVII. Na cidade vella o Arco do Bispo e, no Museo, espléndidas mostras de tapicerías (catro en total) de estilo flamengo. Diante do antigo pazo episcopal, un xardín coa galería dos reis, a un lado e outro, flanqueando o paseo.
O castelo o lonxe e, outra vez na parte vella, fontes que os portugueses chaman chafarizes, dun estilo barroco que recorda ás placas compostelanas. A cidade é abigarrada, sobranceira, ocupando un espazo a medio camiño entre as serras e as zonas baixas; aquelas quedan máis o norte, estas espállanse ata a Beira litoral. É un Portugal pouco coñecido, pouco admirado, a non ser por uns poucos poetas, historiadores e curiosos viaxeiros, que fuxen do título de turistas e quedan admirados da limpeza da cidade, da súa boa conservación e da paisaxe que a circunda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario