É o título dun capítulo de Julio Llamazares, no seu libro "Un viaje portugués": Á entrada de Vimioso, volvendo polo camiño, o viaxeiro ve agora algo que non vira antes: unha fábrica de fogos de artificio que se chama "Bota Fogo"... Carçao é un pobo moi antigo. E grande, ao que parece. Pero a esta hora do mediodía, as rúas están desertas. Como sucedía en Vimioso, a xente debe de estar xantando.
O texto anterior pertence o autor e obra citados. No extremo noreste de Portugal está a rexión de Tras-os-Montes, e no extremo noreste da mesma está Vimioso. Este pobo non está lonxe de Miranda do Douro, na mesma raia coa provincia española de Zamora, encaixado o río aínda que non se pode dicir esteamos nos Arribes. O noroeste de Miranda está Bragança, unha das vilas máis singulares de Tras-os-Montes, praza forte preto da raia seca con Galicia da que falara Otero Pedrayo. Máis o sur Macedo dos Cabaleiros, Mirandela e, voltando o norte, a romana Chaves, coa súa ponte sobre o río Támega.
A vida rural dominante lévanos os panais de mel e ás tendas de artesanía. Pertencendo á zona dos vettóns, que non sabían de fronteiras, atopamos de vez en cando un verraco, coma no caso de Bragança, na mesma vila, que conta cunha Sé e os seus azulexos portugueses, onde a cor azul é dominante cos seus debuxos a veces abigarrados. Aquí podemos dar honra a Manuel Jorge Gomes de Sepúlveda, heroe da guerra contra o francés a principios do século XIX, así como ás vítimas da Grande Guerra (en todo Portugal se honra a estes sacrificados homes) e ós que loitaron en África para beneficio dos oligarcas, mentres as clases humildes portuguesas pagaban os seus dezmos.
Estes pobos son algúns dos máis septentrionais da rexión de Tras-os-Montes, entre os cales discorre o río Sabor, afluente do Douro, que nace na serra da Gamoneda, en Zamora, percorre logo a serra de Montesinho afundido en vales fermosísimos, entre terras altas e montañas vellas. É unha mostra do Portugal "profundo", que forma un todo xeofísico co macizo galaico e os montes leoneses, terras afastadas aínda contando cos modernos medios de comunicación, diseminada a súa poboación en minúsculas aldeas e vilas sobranceiras.
O libro de Llamazares serviume de disculpa para falar de Tras-os-Montes, unha terra veciña de Galicia, de León e de Castela, que ten unha paisaxe común coas zonas montañosas destas rexións españolas, que comparte ríos e lingua, se consideramos que o galego, o portugués e o castelán, teñen moitísimos préstamos uns dos outros, nesta maciza parte da Iberia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario