(Claustro das procesións)
Cada coto tiña as súas ordenanzas para traballar a terra, administrar xustiza, recadar tributos, etc. Un coto, pois, era unha porción de territorio cuxa poboación, como é tradicional en Galicia, estaba espallada polo seu espazo. O mosteiro de Poio exerceu xurisdición sobre os habitantes dos seus cotos, é dicir, xustiza, o cobro de tributos e outros dereitos. Sabemos que os lugares de Simes (Meaño), Padriñán (Sanxenxo) e Beluso (Bueu) pertenceron, xunto con outros territorios, o mosteiro de Poio. Os habitantes dos cotos tiñan que cumplir unha serie de obrigas, como é o caso de mensaxería, dar de xantar ós monxes cando visitaban un coto, dar hospedaxe o abade, traballar para o mosteiro durante algúns días o ano nas terras que éste se reservaba e reparar os camiños por orde do abade. O mosteiro, pola súa parte, tiña dereito a vender o seu viño antes que os veciños. A colonización vitivinícola de Galicia, segundo Huetz de Lemps, é cousa dos séculos XII, XIII e seguintes, se ben é certo que existían viñas xa con anterioridade. Os vales dos ríos Miño, Sil, Ulla, Eo, Avia, as zonas costeiras como as rías galegas e a mariña luguesa foron os lugares preferidos para as explotacións vitivinícolas, que tiñan nas cidades e vilas o seu mellor mercado.
Xa falamos dos pleitos que algún abade do mosteiro de Poio tivo co arcebispo de Santiago pola xurisdición sobre os cotos. Disponer de dita xurisdición supoñía ter poder sobre os habitantes vasalos, e polo tanto cobrar certos dereitos e "derechuras". Segundo Vázquez Rouco cando o arcebispo de Santiago pleitea co mosteiro, sobre a natureza da xurisdición no coto, recoñece tres feiros fundamentais a favor do mesmo: que o mosteiro é de fundación real, que posúe patrimonio e que os documentos presentados polo mosteiro son "bos e orixinais... co seu selo pendente". O mosteiro alega que "a razón principal e profunda da xurisdición non é codicia... senón unha experiencia triste de que con grave dano se ten seguido e cada día vai descendendo a facenda do mosteiro... e a causa de todo iso é que a cobranza sen xurisdición é moi dificultosa en estos reynos". É dicir, o mosteiro ten serias dificultades para cobrar as rendas que pagaban os habitantes, a maior parte campesiños, se non se dispuña do documento xurisdicional; non era, pois, a piedade popular, a que levaba á xente a pagar, senón a coerción exercida sobre dela.
Arredor do mosteiro estaban al aldeas e outros territorios limitados por "marcos" ou "fitos", pero a autoridade do mosteiro exercíase tamén en Simes, Bordóns, San Finz de Soloveira e de Santiago Darmelo e Marín con todo a ello anexo, e con xurisdicción civil e criminal, mero mixto imperio, vasalaxe, pechos e dereitos... No actual concello de Barro o mosteiro posuía a aldea de Agudelo, a de Ardán no concello de Bueu, así como a de Beluso; Dorrón no actual Sanxenxo; Ermelo en Bueu; Lantaño en Portas; Leiro en Ribadumia; Lores en Meaño; Lourizán en Pontevedra; Perdecanai no concello de Caldas, como así mesmo a aldea de Romai.
A fachada actual da igrexa é unha mostra do gusto barroco, composta por tres corpos: o inferior con dúas columnas de orde xigante sobre grosos zócalos, columnas que teñen a súa continuación no corpo central; o corpo superior está formado polas torres, que presentan un maior barroquismo que o conxunto da fachada. As imaxes que vemos aquí son as de San Andrés, a de Santiago apóstolo e a de San Xoán bautista, por ser este o santo da parroquia donde se encontra o mosteiro. O interior da igrexa está cuberto por unha gran abóvada de canón con lunetos, rematándose en 1708 (o que se le nunha clave da abóvada). Na capela do Cristo consérvase o sartego de Santa Trahamunda, do século VI, da que se di viaxou a Terra Santa nunha peregrinaxe que ten máis de lenda que de historia.
O retábulo maior é unha obra barroca do século XVII: columnas salomónicas, abundancia ornamental, imaxes de santos, entre as que destacan a da virxe da Merced e a de San Xoán bautista. A capela do Cristo é de estilo gótico tardío (século XVI). Consta dun retábulo con escenas da paixón de Cristo, Santa Trahamunda e a súa palmeira, alusión a viaxe que fixera a Terra Santa.
O edificio antigo monasterial ten unha fachada onde hai unha porta alintelada, e sobre dela unha imaxe de San Bieito nun nicho, flanqueado por senllos escudos: un deles o da Congregación de Valladolid e outro o do propio mosteiro de Poio. Contrariamente ó que é común nos mosteiros, que os claustros están situados o sur da igrexa, no caso dos de Poio están situados o norte, probablemente porque a benignidade do clima non facía necesario resgardar os lugares de paseo e oración dos rigores atmosféricos. O claustro das procesións, o que se accede por unha porta do muro esquerdo da igrexa, ten abóvadas nervadas con claves florais, así como ménsulas e arcos de medio punto entre fortes piares. De gran mérito parécenos a labra dos perpiaños, cun cruceiro no medio do patio, con árbores e outras plantas. Chama a atención unha cabeza de león ou monstro irrecoñecible, moi propia dos bestiarios que se escribían na idade media. Noutra abóvada hai unha imase sinxela de San Bieito cun báculo como signo de autoridade. Dende a portería hai unha escaleira feita en pedra, obra do século XVIII.
No claustro das procesións hai varios reloxios de sol, concretamente na ala norte: un sobre o tellado, outro sobre unha pilastra e o teceiro gravado no muro tras unha árbore. Outros dous reloxios se encontran gravados nas alas este e oeste, respectivamente, nos muros do claustro alto. Un destes reloxios presenta unha singularidade: construído no ano 1600 segundo se pode ver na epigrafía sobre del: FACIA ANNO 1600; a palabra ANNO vólvese a repetir con letras de maior tamaño na parte inferior da citada epigrafía e, debaixo, o debuxo dun semicículo co diámetro na parte superior; do semicírculo parten liñas diverxentes (11, que xunto co diámetro son 12). A orde dos números que sinalan as horas é de esquerda a dereita.
No hay comentarios:
Publicar un comentario