viernes, 30 de diciembre de 2011

Poio: unha poboación e un mosteiro (1)

 (Ría de Pontevedra e illa de Tambo. Na pequena elevación, á esquerda, o mosteiro)

A testemuña escrita máis antiga da existencia do mosteiro de Poio é do século X, pero máis tarde alcanzaría unha importancia económica e cultural que di moito do papel xogado pola Igrexa regular neste concello. Primeiro foi un cenobio bieito, para pasar logo a formar parte dos mosteiros reformados, a finais do século XV, e depender de San Benito de Valladolid. O que pode parecer unha decisión arbitraria por parte dos Reis Católicos, que foron quen decidiron tal asunto, é o resultado dunha serie de abusos cometidos pola nobreza laica e pola propia xerarquía católica, que se impuxera a gobernar os mosteiros de Galicia sen outro interés que o económico e a influencia social. A maneira de que estes abades laicos (encomendeiros) perdesen as rendas de que disfrutaban inxustamente, consistiu en facer depender o mosteiro de Poio do de Valladolid, cousa, por outra parte, moi corrente na época, cando as cidades castelás estaban a ter un pulo que logo perderían. A finais do século XIX asentáronse no mosteiro de Poio monxes mercedarios.

O século XII é no que moitos mosteiros galegos recibiron doazóns por parte dos reis: primeiro da raíña Urraca, e logo de Afonso VII. Non son os únicos, e mesmo podemos dicir que o mosteiro de Poio recibiu doazóns de persoas diversas e non todas de alcurnia, pero os citados son os máis importantes.

Sergio Vázquez Rouco, o principal historiador do mosteiro de Poio, sinala que San Fructuoso construíu un mosteiro na illa de Galicia, donde foi milagrosamente liberado de quedar abandonado nela. A illa citada é Tambo, fronte o concello de Poio. Sabido é que Fructuoso foi un monxe fundador de mosteiros aló polo século VII. Temos noticias de que algúns mosteiros se fundaron aproveitando mansións rurais abandonadas, pero estes cenobios agrupaban de forma irregular (é dicir, sen régula ou normativa algunha) a familias enteiras, incluíndo escravos, que trataban de obter unha situación ventaxosa por parte dos reis. Fructuoso, vindo esta situación, redactou a Regula Communis a partir das régulas que coñecía de San Bieito en Montecasino (Italia) e outras redactadas en época goda. As xentes que pasaban a vivir nun mosteiro aceptaban, polo mero feito de facelo, un pacto co abade, normalmente recoñecido por tratarse dun clérigo máis ou menos destacado, o mesmo tempo que existía unha especie de relación entre uns mosteiros e outros, o que sería base para as diversas ordes monásticas con posteioridade. (Abaixo, o mosteiro na actualidade).

Como a vida do mosteiro condicionou non pouco a dos habitantes do actual concello, convén dicir que antigamente a poboación non se asentara na liña costeira, coma hoxe, senón na vertente sur da pendente que cae hacia a costa, donde as terras agrícolas eran máis axeitadas para o cultivo. Atraídos novos habitantes pola benignidade do clima e pola fertilidade das terras, tiveron que facelo fora dos cultivos. Sarmiento, subindo nunha ocasión o monte Castrove deixou dito: En todo canto anduven de mariña, dende Ferrol ata a Garda e Tui, non atopei punto de visión máis fermoso, que este sitio de Castrove... Se ve todo o mellor de Galicia.

Se o topónimo Poio significa podium ou espazo elevado, como dixera Celso García de la Riega, debe ser certo, pois outro eminente historiador, Manuel Murguía, opina aproximadamente o mesmo. Sarmiento, no século XVIII, di monasterio pheonense referíndose ós topónimos Beon e Peon. Sabemos que o mosteiro pehonense (Poio) -di Sergio Vázquez- foi cabeza doutros mosteiros cercanos... Así, o nome "Poio" sería unha mestura dos topónimos Beon e Peon. Pero isto non contradice que "poio" sexa un altozano.

O mosteiro comezou sendo pequeno, congregándose nel as persoas que desexaban consolo, seguridade e oración. Aínda no século XVI Bartolomé Villaba di del: unha casa pequena, mais mui amañada. Segundo Sergio Vázquez, a quen seguimos nisto, o número de monxes nunca superou a treintena. Hoxe temos noticia dos nomes dos abades en Poio dende principios do século XII ata 1833, pouco antes da gran desamortización eclesiástica de Juan Álvarez Mendizábal. Deles, a onomástica delata o seu xermanismo nalgúns casos: Fromarico, Pelayo... Noutros casos é evidente a procedencia da propia Galicia: Juan de Muros, Gonzalo de Teo, Juan de Nogueira..., mentres que noutros casos a evidencia é que proceden doutras partes de España: Martín de Azpeitia, Martín de Ávila, Lope de Frías, Alonso de Toro, Pedro de Olavarrieta, Diego de Lerma... Antonio Burgues, abade en 1743, construíu o arquivo e rematou o claustro que hoxe chamamos dos laranxos, pero nen Feijóo nen Sarmiento, profesores en Poio durante o século XVIII, foron abades. Outros abades de Poio alcanzaron importancia académica: Íñigo Royo foi catedrático da Universidade de Salamanca a finais do século XVII.

Tamén houbo abades comendatarios, como Jerónimo Arce, a mediados do século XVI, que renunciará ás prebendas de tal posto a cambio dunha morea de ducados anuais. Este costume foi unha lacra para a vida monacal, pois os abades comendatarios, laicos en moitos casos, non tiñan outro obxecto que beneficiarse das rendas do mosteiro, sen intención algunha espiritual nen produtiva. Neste vicio tivo moito que ver a autoridade da Igrexa, pois non só o consentía senón que, durante un tempo, o propociou para agasallar a aqueles que éranlle leais. Algúns fixeron desaparecer moitas escrituras: faltan máis de duascentas escrituras, deixou escrito un arquiveiro, engadindo, Deus lles perdoe...

As relacións entre os abades e os veciños do que hoxe é o concello de Poio non foron sempre cordiais: a principios do século XIX o abade Fernando de Vinuesa gañoulles un pleito co que conseguiu que seguisen pagando os dezmos e as primicias. Non foron os veciños os únicos que tiveron diferencias co mosteiro ó longo do tempo: o abade Martín de Ávila, no século XVI, pleiteou repetidamente co arcebispo de Santiago para defender a xurisdición do mosteiro sobre todo o coto do mesmo (o mosteiro de Poio chegou a ter 22 cotos ó longo do tempo, e tivo baixo a súa administración boa parte da actual provincia de Pontevedra). Outros abades foron expertos negociantes firmando contratos de foro con numerosos veciños: o exemplo máis claro é o de Martín de Azpeitia, entre finais do século XV e principios do XVI. Por medio destes contratos traballáronse moitas terras propiedade do mosteiro e éste ingresou pingües beneficios, do que é mostra a monumentalidade do seu hórreo, na horta do mosteiro. Consta de 30 pés en tres ringleiras; o seu empaque é impoñente; a súa fábrica, dunha seguridade extraordinaria.


(Do sudor dos campesiños vivía o mosteiro)

2 comentarios: