sábado, 12 de noviembre de 2011

Unha testemuña de Mesonero Romanos (para alumnos)

O bando "apostólico", composto dos máis fanáticos do partido absolutista, pouco satisfeito aínda co despotismo de Fernando, acosábao coas súas esaxeracións (...) impoñíalle aínda maior rigor e intolerancia, esixíalle o restablecemento da Inquisición (único punto acaso no que Fernando se creu comprometido cos gabinetes extranxeiros), o peche das Universidades, a supresión das imprentas e, en fin, todo o que significaba unha gráfica expresión estampada en certa exposición da Universidade de Cervera, que dicía textualmente: "Lonxe de nós a perigosa novidade de discorrer". E non contento o partido furibundo con estas absurdas manifestacións, lanzouse resoltamente á rebelión, proclamando en solemnes manifestos a abdicación do Rei e a chegada ao trono do infante don Carlos, no que tiñan cifradas as súas esperanzas. (Mesonero Romanos, "Memorias de un sesentón").


O autor vive entre principios do século XIX e 1882, polo tanto é testigo de excepción dos acontecementos políticos de España en casi toda a centuria. De acordo co título da súa obra, fala durante a década dos anos sesenta de acontecementos mui anteriores, como teremos ocasión de ver, polo que a fonte é historiográfica, xa que non é producida polos protagonistas dos feitos narrados, senón por alguén posterior coa intención de historiar ("memorias"). O punto de vista é subxectivo, pois Mesonero mostra a súa visión negativa dos chamados "apostólicos": utiliza o cualificativo de "fanáticos" e termos como "esaxeracións", "partido furibundo" e as súas "absurdas manifestacións". A utilización dunha frase que vira na Universidade de Cervera para ironizar sobre a xenreira que os absolutistas tiñan á razón, aínda fai máis claro o subxectivismo do autor, que adopta uhna postura antiabsolutista: "Lonxe de nós a perigosa novidade de discorrer" debe interpretarse como que razoar trae consigo cambios que os absolutistas combaten.

O termo "apostólico" nos sitúa nos últimos anos do reinado de Fernando VII, finais dos anos vinte, principios dos trinta, cado o rei -en plena década ominosa- chegara a practicar unha política de certa condescendencia cos liberais máis moderados, presionado polas cortes europeas do momento, que non desexaban xa voltar o absolutismo férreo anterior á revolución francesa: véxase a frase de Mesonero entre paréntese (o rei Fernando non restituira a Inquisición trala abolición polas Cortes de Cádiz en 1811). Non obstante, esta menor belixerancia do rei contra os liberais non evitou a execución de Torrijos e os seus compañeiros e de María Pineda en 1831.

O reinado de Fernando VII se divide en tres etapas: seis anos de absolutismo desde 1814 ata 1820; o "trienio liberal" entre 1820 e 1823, e a década ominosa ata a súa morte (1833) que é na que hai que situar o tema tratado por Mesonero, pois non antes apareceran os partidarios do aspirante a reinar, Carlos de Borbón, irmán do rei. A tradición absolutista dos reis da casa de Borbón foi continuada por Fernando VII, de forma que o apoio dun sector do exército e o clero (manifesto dos persas) en 1814 foi suficiente para que se atrevera a abolir a obra lexislativa feita en Cádiz e restablecer o absolutismo. Obrigado por un dos varios pronunciamentos militares, esta vez con éxito, en 1820, aceptou xurar a Constitución gaditana dicindo "vaiamos todos xuntos polo vieiro constitucional e eu o primeiro", pero sabemos que tales palabras non eran sinceras, pois en 1823, e despois dun turbulento e curto período liberal, a axuda recibida por un exército francés (os chamados cen mil fillos de San Luis) enviado polo absolutista rei de Francia, restituiu a Fernando no trono acaparando de novo os tres poderes do estado.

Empezan así os dez últimos anos do reinado cando, da mesma maneira que apareceran divisións entre os liberais (moderados, exaltados) tamén se deron entre os absolutistas (partidarios do rei e partidarios do seu irmán). En realidade estamos asistindo a unha loita que empezara en Francia en 1789, cando os partidarios do liberalismo tiveron que actuar revolucionariamente contra o absolutismo, da mesma forma que en 1815 a derrota da Francia napoleónica fixo que se restablecera o absolutismo en toda Europa (o caso inglés é particular). 

En España a actitude do rei Fernando resulta máis contraditoria pois coñecemos documentos que mostran a súa acomodación ás circunstancias segundo lle conviña, pero sobre todo porque o pobo español loitara denodadamente contra a ocupación francesa nunha longa guerra, co lastre de traxedia que toda guerra leva consigo. O rei non tivo inconveniente en ignorar o esforzo e o sufrimento do pobo e permaneceu fiel ás súas conviccións absolutistas (agás, como temos visto, de forma enganosa, durante o trienio). 

Carlos de Borbón non estaba disposto a recoñecer o dereito á sucesión da filla do rei, una nena de tres anos cando Fernando morre en 1833: aquí se plantexa unha cuestión dinástica; é dicir, ou se recoñece o dereito a reinar a unha rama da familia Borbón ou a outra; pero tamén hai unha cuestión ideolóxica en litixio; ou ben se acepta un cambio hacia o liberalismo (ao que está disposta a viúva do rei para garantizar no futuro a coroación da súa filla) ou se acentúa o absolutismo querido polos "apostólicos" e o pretendente Carlos. 

Esta situación non se resolverá senón mediante unha guerra civil (non se trata aquí, polo tanto, dunha invasión estranxeira) entre uns españois e outros, que se librará en parte do territorio nacional, sobre todo nas provincias do norte, dando como resultado a derrota dos carlistas (absolutistas) e o establecemento definitivo en España do réxime liberal (1839). Un réxime liberal que, como xa vimos na Constitución de 1812, será doutrinario, é dicir, prevalecerán as posicións liberais máis moderadas contra as máis progresistas, aínda que durante a guerra se producirán importantes cambios na vida nacional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario