En 1842 derrobouse a igrexa de San Bartolomeu o vello, o que daría ocasión a toda una serie de iniciativas para a construción dun teatro e liceo. Nese ano sacaríanse a subhasta polo concello os retábulos de dita igrexa e, o ano seguinte, xa se constitúe unha asociación para impulsar a construción dun teatro naquel solar: é o actual edificio do casino e teatro Principal.
A igrexiña de San Bartolomeu o vello non tiña moita beleza, pero o certo é que formaba parte da historia da cidade, pois, entre outras cousas, fora sede dunha escola de gramática, é dicir, donde se ensinaba latín a aqueles que ían dirixidos para o estudo, para a Igrexa, ou tentaban escapar dos traballos manuais. (Abaixo, os restos de San Domingos antes da restauración da abóvada).
Máis sorte tivo o exconvento de San Domingos, sufrindo un deterioro case constante ó longo do século ata a intervención da "Sociedad Arqueológica", orixe do que sería no século XX o Museo de Pontevedra. En 1844 serve para acuartelar ós soldados, arranxándoo con dito fin, e dúas décadas máis tarde (en 1863) chega o momento de maior perigo, pois o concello toma o acordo para o derrubo da torre e o murallón anexo. Por fortuna, en 1874 volve a ser necesario para albergar soldados, polo que se repara xunto co convento de Santa Clara. En 1885 de novo o concello tenta derrubar as ábsidas (única parte que se conserva hoxe) alegando unha vez máis o estado ruinoso, pero o Goberno prohibirao en 1889, salvándose e recibindo -para a "Sociedad Arqueológica"- no ano 1895, unha subvención co obxecto de cubrir as abóvadas da capela.
Nese mesmo ano a "Sociedad Arqueológica" convidou á corporación municipal a visitar a exposición de antigüidades establecida na planta baixa da casa consistorial -de nova construción- o que sen dúbida contribuíu á toma de conciencia que anteriormente non existira sobre o valor histórico e artístico que tiña o convento de San Domingos. O vello convento servirá de hospital, casa escola, cuartel e para outros mesteres sociais e administrativos. Hoxe, como sabemos, está o Instituto "Valle-Inclán" no solar do antigo convento (agás no espazo que ocupan as ábsidas) e a horta do convento converteuse en alameda pública donde, por certo, axusticiábase ós reos, polo que recibiu o nome de "campo da verdade". (Abaixo, a igrexiña de San Bartolomeu o vello).
No hay comentarios:
Publicar un comentario