jueves, 19 de enero de 2012

Galicia non estaba illada

Principais vias romanas en Gallaecia
Tradicionalmente tense dito que Galicia é unha rexión periférica no conxunto da península Ibérica, tamén en relación a Europa; que é unha rexión montañosa, aínda que as súas montañas sexan vellas e estean desgastadas pola erosión, e esas eran as causas do seu illamento respecto doutras rexións peninsulares. Durante o período suevo Galicia foi o centro dun reino que tiña en Brácara e Lucus os seus centros máis importantes, pero séculos tan remotos non permiten falar de desenvolvemento. Durante a idade media Galicia foi o centro político en varias ocasións, sobre todo durante os reinados de Afonso VII, Fernando II e Afonso IX, pero si é certo que outras rexións máis próximas á meseta concentraron a atención da Corte: León particularmente e máis tarde as cidades casteláns; a partir do século XVI a atención se centra en Andalucía. En canto a antiga Coroa de Aragón, as cidades costeiras mediterráneas cobraron pulo a partir do século XIII.

Estas concepcións tiveron a Galicia illada en canto a comunicacións, de forma que comerciar ou viaxar entre a meseta e o Finis Terrae non foi doado. Pero antes, en época romana, Galicia estivo ben comunicada co norte da meseta, co centro da península e co sur, neste caso mediante unhas vías que desde Brácara conducían o Algarve. O itinerario de Antonino, redactado a principios do século III da nosa era, constata as comunicacións de Galicia (entre outras rexións do Imperio romano) con outras rexións. A vía XVIII, tamén chamada "vía Nova", comunicaba Brácara con Astúrica (Astorga) pasando por Gerês, Baños de Río Caldo, en Lobios, Sandiás, Allariz, Trives, Petín, Pieros, Bembibre e o alto do Manzanal. Atravesaba un territorio abrupto, non só na fronteira actual entre Portugal e Galicia, senón nos límites das actuais provincias de Ourense con Lugo e desta con León. 

A vía XIX xa existía a principios do século I da nosa era, e unía tamén Brácara e Astúrica, pero dando unha volta máis longa para pasar por Lucus. Nesta ruta había varias "mansiones" ou lugares de descanso lonxe das cidades (escasas na época) para as persoas e animais; unha en Ponte de Lima e outra en Turoqua (na ribeira sur do Lérez, en Pontevedra). Esta vía se cruzaba en Pieros (localidade preto de Cacabelos, na actual provincia de León) coa XVIII.

A vía XX pasaba cercana á costa (per loca marítima) entrando por Caminha, A Garda, Baiona, Vigo e, por Cesures a Santiago, para desviarse a Barbanza, Brigantium, Rábade, Outeiro de Rei, Lucus e Astúrica (obviamente, algúns dos topónimos que usamos aquí non existían na época). Galicia tamén estaba estaba comunicada -segundo Patricia Argüelles- coa cornixa cantábrica, sendo esta unha zona de vales encaixados, altas montañas e afastada dos centros de decisión romanos; non obstante existir importantes minas de ouro na parte occidental, lindando con Galicia. Polo tanto a antiga Gallecia, contaba cunha infraestrutura viaria en época romano-imperial polo sur, en diagonal desde o golfo Ártabro ata Astúrica e pola costa occidental. Os comerciantes, os funcionarios, as lexións, pudiereon desprazarse por Gallaecia con relativa facilidade; a explotación mineira, a comunicación entre as cidades e outros núcleos de poboación, foi posible entón.

Chama a atención que séculos de grande prosperidade para a monarquía española a partir do XVI, de grandes ideas ilustradas no XVIII e durante case todo o século XIX, Galicia estivese illada do resto de España: pouco dí dos gobernantes con respecto a unha terra certamente periférica, pero tamén pouco dí das oligarquías locais, que preferiron claudicar da súa misión e se acomodaron na Corte, ou nas cidades casteláns, centros importantes ata o século XVIII. (Abaixo, busto de Caracalla, durante cuxo reinado se redactou o Itinerario de Antonino).


No hay comentarios:

Publicar un comentario